Monday 29 de April de 2024

A Xunta traslada á Cámara de Comercio da Coruña as súas recentes iniciativas en materia de solo empresarial e vivenda


— Ángeles Vázquez incide na recente convocatoria por parte de Xestur dun novo concurso para a adquisición de máis de 515.000 m2 de solo empresarial, repartidos entre 215 parcelas de 18 polígonos

— Salienta que o Goberno galego destinará este ano 8,4 M€ a axudas para a construción de vivendas para alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou hoxe á Cámara de Comercio da Coruña as recentes iniciativas da Xunta de Galicia en materia de solo empresarial e vivenda durante unha reunión co comité executivo da entidade.

Logo de explicar que a Xunta, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e Xestur, oferta este ano preto de 900.000 metros cadrados de solo urbanizado a prezos bonificados, Ángeles Vázquez incidiu na recente convocatoria por parte de Xestur dun novo concurso para a adquisición de máis de 515.000 metros cadrados de solo empresarial, repartidos entre 215 parcelas de 18 polígonos. De feito, unha das maiores bolsas de solo localízase no parque de Morás, no concello coruñés de Arteixo, cunha superficie de preto de 120.000 metros cadrados.

“O noso obxectivo é seguir traballando para ofrecer as mellores condicións para que as empresas se implanten na nosa Comunidade coa conseguinte creación de riqueza de postos de traballo”, dixo a conselleira.

A maiores, a Xunta mantén a iniciativa de ofrecer solo urbanizado a prezos bonificados nun 30% ou nun 50%. Así, no caso de venderse a totalidade da superficie ofertada, as empresas interesadas poderían beneficiarse de descontos sobre o prezo das parcelas estimados en máis de 34,8 millóns de euros.

Cómpre lembrar que o Goberno galego tamén ofrece outras tres modalidades para acceder a solo empresarial: adxudicación en dereito de superficie a cambio do pago dun canon reducido, arrendamento ou compravenda con pago aprazado ata en 8 anos.

Nesa liña de apoiar ao tecido produtivo, a conselleira puxo en valor a recentemente aprobada Lei de áreas empresariais de Galicia, cuxo obxectivo fundamental “é evitar os procesos de deslocalización e xerar o marco regulatorio adecuado para atraer novas oportunidades” ademais de axilizar a tramitación para o desenvolvemento de parques industriais.

Vivendas enerxeticamente eficientes
En materia de vivenda, Ángeles Vázquez salientou que a Xunta destinará este ano 8,4 millóns de euros a axudas para a construción de vivendas para alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes. A metade destes fondos irá destinado a concellos e o resto a promotores privados que constrúan vivendas en terreos de titularidade pública.

As subvencións poderán aplicarse tanto a vivendas de nova construción como á rehabilitación de inmobles cun uso distinto ao residencial, pero, en todo caso, deberán destinarse a alugueiro durante un mínimo de 50 anos e a contía das rendas estará limitada.

Alianza galega polo clima
Finalmente, a conselleira convidou as empresas asociadas á Cámara de Comercio da Coruña a adherirse á Alianza galega como clima, unha iniciativa impulsada pola Xunta que conta xa con máis de 40 entidades adheridas -universidades, autoridades portuarias, clubes deportivos, empresas e outras entidades-, co obxectivo de poñer á Comunidade na vangarda fronte ao quecemento global e as súas consecuencias.

Así, a adhesión a esta Alianza supón asumir as liñas estratéxicas marcadas polo Goberno galego nesta materia e unha serie de deberes como establecer accións dirixidas á adaptación ou mitigación do cambio climático en Galicia; fomentar o intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica ou xurídica sobre este tema; promover e apoiar a investigación vinculada ao clima, e acelerar o desenvolvemento e a difusión de tecnoloxía para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.